Loading... (0%)


FOL MÚSICA e un FOL que quere avivala creación, un selo onde editamos artistas e proxectos musicais dos que gostamos. O noso primeiro álbum veu a luz no 1995.

Durante estes anos temos intentado seren sinxelos, coherentes e honestos, guiados polo noso instinto e criterio para mostrar e traballar con música interesante e única, con artistas que dende o enxeño, a raíz, a identidade e a resistencia cultural, crean e experimentan con obras populares ou de autor, obras fermosas, emocionantes tamén, partituras musicais contemporáneas.

 

FOL MÚSICA naceu como selo de música galega desde a nosa perspectiva local, co que temos vivido dende nenos, coas nosas costumes populares, preto da nosa xente, da nosa terra.

Neste longo camiño percorrido, atopámonos nun mundo que ten mudado case sen decatarnos, onde parece que estamos máis interconectados ca nunca, no que temos visitado moitos pobos e escoitado decenas de belas linguas diferentes; un lugar planetario no que vellas culturas compartimos singularidades únicas, un legado cultural da humanidade que nos gusta e que tratamos de defender, respectar e querer.

Nin antes nin agora estivemos libres de influencias, modas ou avances técnicos, que modifican e enriquecen a tradición herdada, facendo que todo estea vivo e cambiante. Vivimos o tempo que nos tocou, e se hai algo que hoxe nos inflúe poderosamente, é a globalización da nosa cultura.

As migracións forzadas ou voluntarias, as viaxes, as novas tecnoloxías, o estudo e coñecemento de tanta música, a especialización nun entorno global, toda esta interconexión que rompe fronteiras, ten como resultado un mundo máis contraditorio, quizás incerto, máis aberto e mesturado, máis diverso e intenso. Un mundo cheo de sorpresas que gostamos vivir.

Meu avó foi mariño, no seu pequeno barco de ferro sucaba mares alongados gañando a vida, quizá querendo atopar aventuras, novas experiencias, quizá soñando con illas infinitas e montañas de lume eterno, quizá conmovido pola lúa e as estrelas. Coñeceu terras, pobos, cancións e linguas estrañas naquel tempo, sen dúbida, hoxe máis coñecidas. Aínda resoa unha chamada alongada e curiosa que nos incita a explorar e viaxar polo mundo.

 

FOL MÚSICA emprende un novo rumbo e navega novos mares, unha ruta descoñecida que se revela e oculta no musical. O noso barco levantou a áncora cara a un mar que se estende nun brillo insólito, sentimos un respecto enorme e non podemos evitalos nervios da viaxe. Dende a Ría de Vigo, lugar que nos veu nacer, xa estivemos en Bilbao, tamén en Cádiz e Sevilla, e na cosmopolita Barcelona, pasamos por Lisboa e pola afastada cidade de Río de Janeiro, e fixemos parada en Madrid. Agora estamos a preguntarmos qué novos e fascinantes destinos nos esperan.

Todos son lugares únicos, internacionais, con amor polo propio e polas costumes locais, con tradicións e innovacións. Gústanos imaxinalas viaxes de Ulises, as perigosas sereas e os seus doces cantos, a poesía e a delicadeza dun conto no deserto, a festa onde nos atopamos para bailar e danzar…

Hai un certo anhelo de utopía e gusto por seren libres e facer o que queiramos, trouleando con inocencia. Gústanos soñar que aportamos o noso graniño de area á fraternidade dos pobos, á alegría, á paz e ó arte da música. Cos pés na terra, facemos un oficio artesán que usa novas ferramentas tecnolóxicas.

Somos produtores de música, editores de libros, xestores de dereitos, promotores de eventos, expertos en promoción e marketing, axudamos aos artistas a chegaren máis lonxe e a ter la maior difusión posible das súas creacións. Vibramos co noso traballo e o executamos con creatividade e paixón, encántanos a BOA música.

 

FOL MÚSICA é agora un selo de músicas do mundo, un espazo independente de resistencia cultural, con amor e coidado polo traballo ben feito. ¡Grazas por escoitar estes sons e cantigas que tanto apreciamos!

 

Nando Luaces, outubro 2014

Alá polo ano 1992 decidimos crear un selo discográfico e comezamos a distribuír música alternativa e interesante de todo o mundo. Éramos uns mozos sen case experiencia no ámbito da música e da empresa, pero con moitas gañas e ilusións. Así naceu BOA, un nome galego que definía a nosa paixón pola música.

Aínda que xa editábamos discos galegos con anterioridade, no ano 1995 creamos DO FOL EDICIÓNS, un selo irmá de BOA dedicado á música galega de raíz, no máis amplo sentido da palabra.

Lanzamos os primeiros discos de CHOUTEIRA, OS CEMPÉS e BERROGÜETTO, tres artistas novos por entonces que ían revolucionala música galega. Con eles chegaron anos de esplendor creativo para a nosa música. Xa choveu dabondo dende aquela. En todos estes anos fomos creando un interesante catálogo, con discos marabillosos e preciosa música. Nesta web podes ver tódolos artistas e discos que temos editado.

Pasado algún tempo renomeamos o noso apelativo orixinal e creamos un novo logotipo. Así naceu FOL MÚSICA, un selo 100% dedicado á música galega.

A nosas actividades se centran en editar, producir e distribuír música. Tamén organizamos eventos e concertos, temos longa experiencia e coñecemento nestas áreas. Somos profesionais da música, pero tamén temos valores de transparencia, responsabilidade, ética, cordialidade: valores que queremos afianzar no tempo.

Queremos mostrar a nosa singularidade cultural e social únicas. A lingua galega é un dos baluartes do noso proxecto, un ben apreciado neste mundo globalizado. Gustamos de editar propostas artísticas interesantes e que teñen algo que dicir: novos artistas aos que queremos apoiar, e artistas consagrados que precisan unha plataforma de comercialización e promoción adecuada.

A nosa misión e conseguir a máxima difusión destes traballos. Temos distribución en moitos países do mundo, estamos presentes en tódalas plataformas existentes en Internet.

Seguiremos editando traballos marabillosos e únicos. A creatividade non ten límites e o futuro está cheo de sorpresas emocionantes. folmusica@boa.es

www.boa.es