Loading... (0%)


“Música Sinfónica do Século XX”

17 Agosto 2014
1308137337-musica sinfonica

Fecha de publicación:
01/07/2003

COMPRAR

APPLE-ico cart-ico spotify-ico

MUSICA CLÁSICA GALEGA VOL. 7

1. Sinfonieta F. Alonso
2. Sinfonieta 2º mov
3. Sinfonieta 3er mov.
4. Sinfonieta 4º mov.
5. O mencer dos soños, Xavier de Paz
6. Variaciones sobre un tema de Sorozábal. Juan Durán
7. Saturnal, Manuel Balboa
8. Os Camiños do Firmamento Op. Post. Manuel Balboa

Más info

O sétimo volume ten como protagonistas a catro compositores que teñen contribuído coas súas creacións a aumentalo catálogo de música galega dos séculos XX e XXI.  Todos eles son, ou foron, músicos nacidos ao redor do ano 1960; algúns dedícanse á docencia; inicialmente se formaron nos conservatorios galegos e posteriormente no Conservatorio de Madrid, crecendo baixo o maxisterio do compositor  e profesor Roxelio Groba.

Entre as características desta xeración poderíanse citar a súa vinculación co mar dentro do seu universo creativo e o feito de non utilizares directamente motivos propios do folclore galego. Entre as características formais cabe destacar a busca da beleza sonora, certo rexeitamento do experimentalismo como tal, a tendencia a resaltala compoñente máxica e mistérica no uso das harmonías, o gusto pola tonalidade ou a ambivalencia tonal, o uso do pantonalismo e do politonalismo como marco da escritura de algunhas obras, o interese polo efecto sensorial e o
uso dos recursos orquestrais sen a intervención dos medios electrónicos.

Así mesmo o sinala Rosa María Fernández, autora das notas de presentación do libreto do disco, que denomina a esta xeración como a Xeración da Apertura. Os compositores responsables do contido deste traballo discográfico editado por Boa Música Editorial son:

Fernando Alonso: nacido na Coruña en 1961, estudou e obtivo o título no Conservatorio de Madrid. Retornado á Coruña, actualmente dedícase a docencia. E autor dun interesante catálogo de obras nas que cultiva o lieder e as composicións para piano. Na súa Sinfonieta en Fa, primeira obra deste compendio discográfico, se fai unha homenaxe ao Neoclasicismo e ao Barroco.

Xavier de Paz: nacido na Coruña en 1963, estudou en Madrid, Alemaña, os EE.UU. e Roma. Na súa obra O mencer dos soños, Paz  indaga e se recrea no ámbito do máxico e onírico. E membro fundador da Asociación Galega de Compositores.

Juan Durán: nacido en Vigo en 1960. Cultiva o lied e a música de cámara e tamén é profesor superior de música. Entre os seus proxectos realizados se atopan a reconstrución da ópera que o compositor e virtuoso pianista Marcial de Adalid deixara inconclusa, Inés e Bianca. Compuxo tamén a ópera O Arame, con texto do poeta Manuel Lourenzo. De Juan Durán se ofrece neste CD a obra Variacións sobre un tema de Sorozábal, no que se fai unha paráfrase do tema musical do primeiro número de Katiuska.

Por último, o compositor xa desaparecido Manuel Balboa, nacido en A Coruña en 1958 e finado no 2004. Entre o  seu catálogo de obras destaca a creación dunha ópera -O Segredo Namorado- sobre texto de Rosetti, agás das bandas sonoras dos filmes “Canción de cuna”, “La herida luminosa” e máis “El Abuelo” todas elas do director José Luís Garci.

Para as dúas grandes orquestras sinfónicas galegas realizou os encargos Saturnal e O Camiño do Firmamento. Esta última composición foi estreada trala morte do autor o 18 de marzo de 2004 grazas á orquestración de Joám Trillo. Inicialmente concibida coma un Concerto para violín e orquestra, adquire especial importancia a parte solista, ademais de salientar o papel da percusión  e as trompas.

Todas as obras deste álbum foron gravadas en Xullo de 2004 no Auditorio de Santiago de Compostela excepto a obra póstuma de Balboa rexistrada en directo pola Radio Galega o mesmo día da súa estrea, nun homenaxe póstumo concedido ao compositor.

Os intérpretes destas composicións son os membros da Orquestra  Real Pilharmonía  de Galicia, con sede na capital galega. A dirección correu a cargo do insigne músico catalán, Premio Nacional de Música, Antoni Ros Marbá.