O trío Vaamonde, Lamas & Romero é unha rara avis dentro da música popular en Galicia.
A súa singularidade radica na curiosa combinación, nun formato tan minimalista, dunha indubidable calidade musical, asentada en máis de 20 anos sobre os escenarios, cunha posta en escena que non deixa indiferente a ninguén.
Unha fervenza de virtuosismo, madurez, tradición, innovación, teatralidade, ousadía, desvergonza e humor, moito humor.
Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, son tres nomes referenciais na música galega actual e as súas traxectorias individuais están ligadas aos mellores momentos e artistas da música galega contemporánea (Nova Galega de Danza, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Pel e Madeira, Fuxan os Ventos, Susana Seivane, Uxía, Luvas Verdes, Quique Peón Cía, Faltriqueira, Guadi Galego, Galeoke, Grupo Tradicional do IGAEM, X. M. Budiño,...).
Preséntannos o seu segundo traballo “O tambor de prata”, un ambicioso proxecto composto por un CD con 10 temas e un DVD que recolle o concerto coa Banda Municipal da Coruña celebrado no Pazo da Ópera desa cidade en abril de 2011.
Pero, posiblemente, a característica máis chamativa deste novo CD é o feito de estar composto por versións de temas dunha única formación histórica galega: Os Trintas de Trives; e máis concretamente, do seu compositor, Ricardo Courtier, que entre os anos 1894 e 1920 representaron o postmodernismo da música popular en Galicia, trunfando tanto aquí coma en América, cun repertorio e unha indumentaria totalmente orixinais. E se a súa faceta artística xa é de seu abondo valiosa, as súas traxectorias vitais son un cúmulo de anécdotas, surrealismo e avangarda. O cosmopolitismo decimonónico na montaña ourensá.
A mestura de todos estes elementos converten os seus directos nunha boa mostra de etnografía retranqueira.
Vaamonde, Lamas & Romero son boa música e mellor humor. Un bálsamo terapéutico e liberador para estes tempos de crise.