Meu Canto é unha relectura dos temas fundamentais do repertorio en directo de Uxia e temas que ata agora nunca tiña abordado. Unha proposta limpa de artificios na que o fundamental é a súa excepcional voz.
Uxia ten unha voz fermosa e serena que fuxe do virtuosismo exhibicionista e se fai transparente, para amosarnos unha artista madura, que comprendeu que non hai nada máis sofisticado que o esencial e que a voz é o único instrumento que nunca minte.
Meu Cantoporque a maioría das cancións conteñen a palabra canto porque este disco é unha reflexión sobre o acto de cantar, as emocións que provoca, a voz, a esencia….
Uxía sigue o ronsel dunha cultura que viaxa e muda o significado e a natureza das fronteiras. Nesta ocasión a súa travesía lévanos a Brasil, onde foi grabado este traballo, nos estudios da editora Biscoito Fino, en Rio de Janeiro. A escolla non foi casual, abordar este novo reto coa produción do prestixioso músico Jaime Alem (productor de Maria Bethânia), o talento e a complicidade do virtuoso instrumentista Sérgio Tannus, tamén escoitamos Os Teus Ollos xunto con Lenine, toda unha garantía para palabras e músicas que saen sempre do máis profundo e íntimo do seu ser, da súa alma.
Vinte e cinco anos de carreira artística convértena nunha das voces máis populares e valorizadas da nosa lingua. As súas cancións seguirán tendo a presenza latente da música tradicional, cun tratamento innovador.
Unha voz máis contida e máis profunda ca nunca. Unha voz que amosa toda a forza e toda a vulnerabilidade coa que Uxía chegou a este punto do camiño, coa convicción de que un pobo que cantou desde tempos imemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz, o propio canto, Meu Canto.
Editado no ano 2000, volvemos a editar este maravilloso disco de Uxía, unha das grandes voces da música galega, a súa carreira artística de máis de 25 anos conta con numerosos discos e colaboracións con artistas de todo o mundo.
A súa música, sempre baixo unha estampa persoal, adopta diferentes xéneros: da canción de autor até a música contemporánea, a influencia da Lusofonía, a música para nenos, os arranxos tradicionais, etcétera. Unha das grandes.
Cuidada reedición dun disco ambicioso e clave na sua carreira artística. Nel imos atopar músicos e colaboradores da talla de: Marcos Teira, Nani García, Nacho Muñoz, X.M. Budiño, Zezo Ribeiro, Javier Ferreiro, Rosa Cedrón, Javier Cedrón, Michael McGoldrick, Kin García, Darío Moreira, Susana Seivane, Dulce Pontes, João Afonso, Quim Farinha, Pancho Álvarez, Suso Vaamonde, Karen Matheson, Guadi Galego, María del Mar Bonet, Paul McGeechan, Donald Shaw, Pandeiromus e Filipa Pais.