ABDC é a banda sonora deste noso universo colectivo. Unha banda sonora que é historia, compromiso e paixón e que ninguén pode interpretar mellor que A Banda das Crechas.
Porén, neste grupo de artistas aberto e plural tampouco caben todos os intérpretes. Os outros, os que non están nesta gravación, son todos aqueles que ao longo destes anos fixeron que a música tivese vida na Casa das Crechas. Autores anónimos e autores ben coñecidos, músicos e non músicos que trouxeron as culturas do mundo e que, no encontro, levaron a nosa cultura polo mundo. Este disco é a mellor homenaxe a todos eles e a todas elas e a todos aqueles espazos que, como a Casa das Crechas, son lugares de encontro... e de paixón.