A Casa das Crechas é un universo colectivo que comezamos a construir entre todos hai vintetrés anos arredor da conversa, da arte, da música ao vivo, do amor polo propio e a curiosidade polo alleo. Ese universo ten hoxe a faciana e a voz da Banda das Crechas, un conxunto aberto, unha banda 2.0. na que músicos habituais e intérpretes ocasionais se unen para manter viva a tradición, o son e a emoción da foliada. Este disco é o rexistro dunha desas noites de música e de baile nas que a Casa das Crechas honra a súa historia converténdose, unha vez máis, no lugar de encontro que leva sendo dende mediados do século XIX.
ABDC é a banda sonora deste noso universo colectivo. Unha banda sonora que é historia, compromiso e paixón e que ninguén pode interpretar mellor que A Banda das Crechas. Porén, neste grupo de artistas aberto e plural tampouco caben todos os intérpretes. Os outros, os que non están nesta gravación, son todos aqueles que ao longo destes anos fixeron que a música tivese vida na Casa das Crechas. Autores anónimos e autores ben coñecidos, músicos e non músicos que trouxeron as culturas do mundo e que, no encontro, levaron a nosa cultura polo mundo. Este disco é a mellor homenaxe a todos eles e a todas elas e a todos aqueles espazos que, como a Casa das Crechas, son lugares de encontro... e de paixón.
Vitor Belho